Monday 29 de April de 2024

Aprobadas medidas relativas ó sector da hostalaría


O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira da Facenda e da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), deron hoxe conta de medidas aprobadas por unanimidade no Pleno da corporación na sesión extraordinaria do día 29 de abril de 2021 referentes á hostalaría. Preténdese así fomenta-la actividade económica e apoia-lo mantemento do emprego neste sector.

Un dos asuntos tratados foi o convenio de colaboración entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Consellería de Emprego e Igualdade e o Concello da Pobra do Caramiñal para a concesión das axudas ó sector da hostalaría cuxos negocios quedaron afectados polos peches regulados na normativa ditada polas autoridades sanitarias por causa da COVID-19. O referido documento supón que a Administración local se compromete a achega-la contía total de 69 000 euros para completar, mediante xeración, as axudas da Orde do 22 de febreiro para o Programa I (Hostalaría), convocadas pola Xunta de Galicia, existindo no eido pobrense 69 beneficiarios/as de ditas axudas. Deste xeito, a achega municipal destinarase a conceder axudas complementarias, por un importe de 1000 euros para cada un dos establecementos con domicilio na Pobra do Caramiñal.

Por non existir actualmente crédito orzamentario no vixente orzamento, resultou preciso aproba-las modificación orzamentarias necesarias para dotar crédito. Ó tratarse dun novo gasto, que non estaba previsto nos orzamentos, a modificación orzamentaria procedente é a do crédito extraordinario. Este incremento de gasto pódese financiar coa redución noutras partidas orzamentarias como o alumeamento ou os festexos populares, mais, tanto o alcalde coma a edil insistiron en que isto non significa que se supriman as celebracións, pois afirmaron que se restituirán as partidas para o Nazareno e o Carme dos Pincheiros, xa que “teñan ou non actividade as comisións de festas, o Concello, dentro das normas que permita nese momento a prevención fronte á COVID-19, fará actividades.”

Así mesmo, aprobouse provisionalmente a modificación da ordenanza fiscal número 10 reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público, por mesas, cadeiras e elementos auxiliares con finalidade lucrativa, mediante a introdución dunha disposición transitoria co seguinte teor literal: “Suspéndese temporalmente a vixencia desta ordenanza fiscal ata o 31 de decembro de 2021 pola crise económica derivada da COVID-19.” O Concello busca así continuar colaborando coa hostalaría mediante a redución das cargas fiscais sobre este sector. Cómpre indicar que a referida taxa supuxo en 2019 unha recadación de preto de 23 500 euros, que coa suspensión do seu cobramento para este 2021 suporía unha axuda directa á hostalaría que lle permitiría reduci-los seus gastos operativos, igual ca no pasado ano.